16 jul 2011

Orthetrum brunneum (Fonscolombe, 1837)

Hai uns días tivemos a nova de que aparecera Orthetrum brunneum na zona de Casaio atopada por José Gándara e Rafael Estevez. Este fin de semana, durante os traballos de campo para a busca de hérpetos, puidemos observar uns vinte exemplares desta especie. Esta observación constitúe unha nova cuadrícula de 10x10 km, xa que se sitúa ó norte da comarca de Valdeorras (Casaio sitúase ó sueste).

Orthetrum brunneum é unha especie escasa en Galicia, onde se ten citada na Guarda (sobre o 1920) e actualmente, en Caldas, Casaio e esta que referenciamos agora. A nivel ibérico a especie é escasa na metade occidental sendo relativamente abundante no levante.

Detalle do Rspl

Comparándoa con outras especies do mesmo xénero, distínguese de O. cancellatum en que esta ten a parte final do abdome de cor negra sendo en O. brunneum e O. coerulescens totalmente azul. Por outra banda, O. brunneum ten a cara azul claro e O. coerulescens é marrón ou marrón claro.


Fotografías de Martiño Cabana e Pepe das Pedras.